Wednesday 01 de May de 2024

A Pobra, epicentro nacional do remo co Campionato de España de Bateis


“Hai unha semana dicíamos que A Pobra se erixía como capital galega do remo; hoxe podemos dicir que de España.” Con estas palabras comezou o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, na presentación do LXXXI Campionato de España de Bateis que terá lugar no 27 e 28 de abril coa participación das categorías alevín/a, infantil, cadete, xuvenil e absoluto. O edil manifestou que “é un orgullo que o noso municipio se converta en epicentro do remo, non só pola dimensión deportiva; tamén polo impacto social, económico e turístico que terá un evento deste calibre. Quero, primeiro, agradece-la elección da nosa vila e, segundo, reitera-lo compromiso do Concello co remo. É para nós motivo de satisfacción patrocinar esta competición. O remo está moi presente tódolos días do ano, pero especialmente neste mes de abril. Campionato de Bateis Provincia da Coruña a pasada fin de semana, Campionato Galego de Bateis Xunta de Galicia este sábado e domingo, e Campionato de España de Bateis para despedi-lo mes.”

Os bateis vogarán as augas na dársena do peirao comercial coas eliminatorias que se disputarán no sábado 27 e as finais viviranse no domingo 28, en ámbalas xornadas, a partir das 10.00 horas.

Tomarán parte arredor de 35 clubs, o que se traduce nun movemento de máis de 800 deportistas.

Entregarase a bandeira e medalla de ouro ao primeiro clasificado, a prata para o segundo e o bronce para o terceiro.

En representación do Club Remo Puebla, o seu presidente, Emilio Dieste, destacou a calidade das regatas que se celebran sempre no municipio e que se conxugan dous aspectos: “é un recoñecemento ao noso continúo crecemento deportivo. Nos últimos cinco anos conquistamos tres campionatos nacionais de bateis. Este éxito non é froito do azar, senón do arduo traballo e inversión na nosa canteira. Albergar o campionato de España na nosa casa é unha confirmación de que aquí se forxan grandes remeiros e remeiras e o noso club é, sen dúbida, un dos mellores neste labor. Por outro lado, aspiramos a seguir fortalecendo os nosos lazos coa nosa localidade. Un club de remo non se entende sen o apoio do pobo.”

Tamén se pronunciou o presidente da Federación Galega de Remo, José Luis Méndez González, quen salientou o esforzo loxístico e humano para sacar adiante este evento. Nesta mesma liña falou a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, quen subliñou que, para as numerosas regatas que organiza habitualmente o Club Remo Puebla, “facer un campionato de España é un paso máis.” Anunciou, así mesmo, que se contará por primeira vez coa categoría alevín e, dado a cantidade de persoas que move este deporte, xérase un grande impacto en todo o territorio. Quixo tamén felicitar á entidade deportiva pobrense polo 40 aniversario da súa primeira bandeira nun campionato de España.

Interveu, ademais, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, asegurando que o remo “está no ADN, na identidade destes pobos da costa”; unha disciplina que conta cunha gran presenza feminina. Tamén se referiu á ría da Arousa como “un sitio magnífico e extraordinario” e puxo en valor os recursos naturais da Pobra.

“Unha cita de primeiro nivel, un magnífico campo de regatas, un pobo espectacular e un club exemplar, tanto pola súa capacidade organizativa como pola súa traxectoria. En definitiva, temos tódolos ingredientes para un grande espectáculo deportivo nas nosas augas que non deixará indiferente a ninguén. É unha honra que A Pobra acolla tan importante proba a nivel estatal. Resulta especialmente significativo dado que os bateis son parte da nosa tradición mariñeira, da nosa identidade, e, por suposto, tamén do mundo deportivo”, nas palabras do alcalde, José Carlos Vidal. Engadiu que “tamén quero felicitar ao Club Remo Puebla no seu 45 aniversario. Case medio século como un dos maiores axentes dinamizadores da nosa vida deportiva, de traballo infatigable, de grandes logros e de moitas alegrías. A última é este campionato que chega á nosa casa. Para o Concello é un pracer ser un dos patrocinadores e como institución seguiremos mantendo o noso total apoio ao remo e ao noso club. A próxima fin de semana, toda a atención na Pobra”, concluíu o rexedor.

Deja un comentario